Tuesday 21 de May de 2024

Feijóo salienta que a creación da primeira Rede de parques naturais de Galicia permitirá unha xestión coordinada destes espazos e garantirá a súa conservación


Afirma que a Rede será o instrumento baixo o cal se coordinará a xestión de todos os parques galegos; “coordinado e impulsado de xeito conxunto non só co Parque Nacional das Illas Atlánticas, senón tamén con outros espazos que pertenzan a diferentes figuras de protección”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, a creación da primeira Rede de parques naturais de Galicia que permitirá unha xestión compartida e coordinada destes espazos, ademais de facilitar e garantir a conservación e o coñecemento da riqueza natural do territorio.

Feijóo precisou que a Rede de parques naturais será, a partir de agora, o instrumento baixo o cal se coordinará a xestión de todos os parques galegos; “coordinado e impulsado de xeito conxunto non só co Parque Nacional das Illas Atlánticas, senón tamén con outros espazos que pertenzan a diferentes figuras de protección”, aseverou.

Cómpre salientar que na actualidade Galicia conta con máis dun 12% do seu territorio ocupado por espazos naturais protexidos con algunha figura de protección. Por tanto, nesta Rede vanse incluír os seis parques naturais (Baixa Limia- Serra do Xurés, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra); o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; así como os monumentos naturais (Praia das Catedrais, Carballa da Rocha, Costa de Dexo, Fraga de Catasós, Serra de Pena Corneira, Souto da Retorta, Souto de Rozabales, Pregamento Xeolóxico de Campodola – Leixazós); as cinco zonas húmidas protexidas (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, Complexo intermareal Umia- O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira, Lagoa e areal de Valdoviño, Ría de Ortigueira e Ladrido, Ría de Ribadeo); as paisaxes protexidas e as zonas de especial protección dos valores naturais.

Ao respecto, o responsable autonómico afirmou que, de xeito inmediato, poranse en marcha varias actuacións para dinamizar estes espazos. Medidas entre as que destacou a instalación dunha nova sinalización na totalidade dos parques; así como a creación dunha nova aplicación para promover estes espazos no seu conxunto, ao tempo que se permite aos visitantes contar con información en tempo real a través dos seus dispositivos móbiles.

Así mesmo, tamén se porá en marcha unha nova páxina web da Rede, con información actualizada e centralizada nun mesmo espazo. Ademais, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, a Rede de parques terá un espazo propio na web de Turismo de Galicia.

Feijóo subliñou que as Consellerías de Educación e de Política Social tamén colaborarán no impulso a esta Rede, coa promoción nos centros educativos de ensino de Galicia e para levar a cabo un programa de voluntariado estable nos parques da Rede.

Máis alá destas actuacións inmediatas, Feijóo afirmou que coa creación desta rede promoverase e porase en valor as principais figuras do patrimonio natural galego. Trátase de converter os seis parques naturais, xunto co parque nacional, nun modelo de xestión compartido e coordinado.

Trátase dun reto que permitirá situar a marca Parques Naturais de Galicia no conxunto dos parques naturais de España e de Europa.

Tres eixos de desenvolvemento
De cara á creación e impulso desta rede, defínense tres eixes de desenvolvemento, a partir dos que se establecen: sete liñas de actuación concretas, así como 22 plans de acción e 51 medidas a impulsar.

Feijóo aseverou que o primeiro obxectivo será a coordinación da Rede de parques de Galicia, para o que será preciso activar varios plans de acción como o fomento da coordinación e intercambio de información, o impulso de programas de voluntariado nos parques naturais e de valores de emprego, e a planificación da xestión de visitantes.

O segundo dos eixes refírese á xestión e uso dos parques. Sobre este punto, afirmou que se impulsará a custodia do territorio como modelo de conservación participativo e realizaranse xornadas de cooperación na conservación.

Co compromiso de facer unha rede de parques accesible e cunha especialización e calidade de atención ao visitante e establecerase un servizo de guías especializados. E, en consonancia á liña que fomenta a educación ambiental, as actividades tamén incluirán plans de sensibilización e apoio aos traballos e publicacións de investigacións científicas.

O terceiro eixe centrarase na promoción e posta en valor, coa especialización da oferta e potenciación de empresas ecosustentables nas áreas de influencia dos parques; a promoción das actividades forestais e agrícolas sustentables permitidas nos usos dos parques, así como a creación dunha oferta de natureza ecoturística diferenciada.

O titular da Xunta concluíu afirmando que esta iniciativa “marcará un antes e un despois na utilización, no coñecemento, na divulgación e na promoción desta riqueza natural”.